Os nomes da illa - Ruta autoguiada

You can change the language at the top right corner. Puedes cambiar el idioma arriba a la derecha. 

 

O arquipélago de Ons, xunto cos de Cíes, Sálvora e Cortegada, forma parte do Parque Nacional marítimo terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, que protexe unha das mellores mostras de ecosistemas litorais atlánticos.
 

A ruta autoguiada Os nomes da illa segue o percorrido da ruta Sur, de cor verde no mapa, e achéganos, a través dos topónimos, a súa riqueza natural e cultural. Postes de madeira cunha franxa verde e unha frecha indicaranche o camiños a seguir. Os que teñen un número indican a parada correspondente.
 

Se o prefires, podes descargar o folleto completo da ruta autoguiada en pdf AQUÍ.   

 

Os nomes dos lugares de Ons revelan a profunda relación entre os seus habitantes e a natureza que os envolve.
 

O illamento da poboación de Ons, especialmente en inverno debido ás inclemencias no mar, incrementou a súa dependencia da contorna na que vivían. Isto potenciou a existencia e pervivencia ata os nosos días dunha cantidade enorme de nomes de lugar (topónimos), que permitía a localización segura e exacta de fontes, montes, puntas ou baixos rochosos, un universo xeográfico que debía gardarse na memoria colectiva e individual para facilitar tarefas tan cotiás e importantes como conseguir alimentos ou auga doce.

 

Analizando os topónimos da illa atopamos información sobre a historia e os costumes da súa poboación, pero tamén sobre especies abundantes en determinadas zonas, sobre xeoloxía ou sobre a riqueza do medio mariño.

 

Propómosche un itinerario que percorre a metade sur da Illa de Ons, parando nalgúns lugares nos que, a través do seu nome, coñeceremos diferentes aspectos dos procesos naturais e das actividades dos habitantes da illa. Trátase dun percorrido circular de 6,2 km de distancia total e unha duración estimada de 2 horas. Está sinalizada con frechas sobre fondo verde, e en cada parada atoparás o número da parada, tamén sobre fondo verde, e un código QR para acceder ó contido da parada. 

 

Agora estás na Parada 1. Poderás acceder ó resto das paradas dende os enlaces que tes máis abaixo ou ben dende os propios códigos QR de cada parada. 

 

 

PARADA 1: PRAIA DAS DORNAS

 

Para a supervivencia nestas illas entre a ría e o océano fan falla embarcacións capaces de navegar en augas difíciles: as dornas.

 

Que medio de transporte usaches para chegar ata aquí? O transporte marítimo foi, e aínda é, case o único modo de comunicarse con terra firme.

 

Esta praia a carón do peirao recibe o nome da embarcación tradicional máis común na illa: a dorna. Navegando a remo ou a vela, as familias da illa conseguían a maior parte do seu sustento nas augas arredor do arquipélago.

 

As formas da dorna adáptanse á navegación nestas augas pouco protexidas, lonxe da tranquilidade do interior da ría. En caso de temporal, o seu tamaño permite ademais subila á praia ata quedar a salvo do mar.

 

No panel que está ao comezo da subida, á esquerda da caseta de información, podes ver esta praia nos anos 60, cando varios centos de persoas vivían na illa. 

 

Precisamente o declive no uso da dorna fronte a embarcacións a motor máis grandes, que precisaban dun porto de abrigo para atracalas, foi un dos desencadeantes da emigración da maioría dos habitantes cara a terra firme.

 

Dorna de nome Carmen na Praia das Dornas

Unha das últimas dornas da illa, na Praia das Dornas