Actividades

A valorización deste espazo protexido depende en gran medida de que a información que se divulga sobre el sexa veraz e pertinente. Por iso realízase un importante esforzo en xestionar esa información e presentala ao público a través de distintos formatos (talleres para nenos, proxeccións, charlas, formación de empresas con actividade no parque etc...) contando, na medida do posible, con persoal experto ou profesionais do ámbito. 

 Relación de actividades que realizamos: 

  • Concurso de Fotografía ¿Como ves tí as gaivotas?

    As gaivotas patiamarelas son unha especie emblemática do Parque Nacional das Illas Atlánticas. As illas albergan unha das colonias de cría máis importantes desta especie, e estas aves xogan, ademais, un papel fundamental nos ecosistemas do parque.
    Desde hai uns 20 anos, a súa poboación nas Rías Baixas, e en Galicia en xeral, vén rexistrando un descenso importante, que tamén se nota moito no noso parque. As causas non son de todo coñecidas, e están a ser investigadas na actualidade. A realidade é que a situación é preocupante, aínda que pasa bastante desapercibida.
    Tamén nos preocupan certos prexuízos que circulan sobre esta especie. As gaivotas patiamarelas viven maioritariamente no medio natural, alimentándose de recursos que o mar e a costa lles proporcionan. Pero nas cidades, onde sen querer poñemos á súa disposición alimento fácil, ás veces son vistas con desagrado. Cremos que esa percepción negativa nace sobre todo da falta de coñecemento e de experiencias puntuais no medio urbano.
    As gaivotas deben ser protexidas, conservadas e, sobre todo, mellor comprendidas. Cando veñades ao parque, tede iso en conta: estaredes nas illas das gaivotas!
    Por iso, queremos lanzar un desafío fotográfico: Como vedes vós ás gaivotas? Como credes que podemos coñecelas e convivir mellor? 

    Bases do concurso

     

  • Visitas guiadas gratuítas ás illas durante a Semana Santa e o verán
    Durante estes períodos normalmente ofrécense diariamente visitas guiadas con guías propios do Parque. A inscrición para participar nas rutas que se ofrecen en Cíes e Ons pode realizarse presencialmente no punto de información das illas o mesmo día da visita (ata completar as prazas), ou ben reservar praza con antelación a través da páxina web de reservas dos parques nacionais (www.reservasparquesnacionales.es). 

  • Rutas de primavera “Descubrindo o Parque Nacional”
    Este programa busca facilitar a visita ás illas fóra da tempada alta e dun xeito ordenado e sustentable, da man dos guías propios do Parque Nacional. Estas rutas realízanse con grupos reducidos para poder ofrecer a máxima calidade na visita a este espazo protexido. A temática das rutas é moi diversa; desde o carácter histórico e botánico da illa de Cortegada con “O segredo dun bosque no medio do mar”, pasando polas rochas de Sálvora coas súas “Esculturas e lendas”, e os lugares pouco coñecidos de Ons coa ruta “A illa e o mar”, ata chegar á historia das Cíes a través dunha “Viaxe no tempo”. 

  • Actividades asistidas por Guías do Parque Nacional a grupos
    O equipo de uso público do Parque Nacional, formado por 6 guías-intérpretes, ofrece a posibilidade de concertar o servizo de guías para actividades relacionadas co Parque, ben sexa a realización dunha visita guiada, charlas, participación en eventos divulgativos, etc., sempre que sexan solicitadas por entidades sen ánimo de lucro. A solicitude deste servizo realízase mediante formulario e fóra da tempada de atención nas illas (Semana Santa e do 15 de maio ao 15 de setembro).

  • Charlas e obradoiros de carácter divulgativo, no Centro de Visitantes do Parque en Vigo, noutros centros ou nas propias illas. 

  • Actividades educativas
    O equipo de Uso Público do Parque Nacional deseñou actividades didácticas dirixidas a todos os ciclos educativos, desde Infantil ata Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional. A información para realizar as solicitudes atópase no apartado do Programa Educativo.

  • Outras actividades: Actividades recreativas nas illas
    Durante a tempada alta, diversas empresas solicitan a autorización do Parque para realizar actividades de turismo activo en Cíes e Ons. Estas actividades inclúen snorkel, bautismos de mergullo e kaiak. É recomendable informarse sobre estas actividades antes da visita ou nas casetas de información de Cíes e Ons.

.
Grande