“Las islas, altivas y vigilantes como canes fieles, guardan las puertas intactas de las Rías para que estas descansen y sueñen, mientras los ríos regalan al Océano la más gentil poesía de tierra adentro” Castroviejo.
As illas, situadas na entrada das rías, frean as augas bravas que chegan do océano, rodeadas de augas ricas en pesca e marisco, que constituíu parte importante da dieta dos seus poboadores e que fixeron deles expertos mariñeiros. Estas xentes aprenderon a cultivar as súas terras, a utilizar as súas plantas para curarse, e crearon todo un saber popular único, agora en perigo de extinción. Con todo, cada unha das illas, pola súa situación e características particulares, ten unha historia propia dando lugar a distintos valores patrimoniais e culturais. Na actualidade soamente Ons mantén unha poboación reducida.
As illas do Parque foron habitadas desde moi antigo. A súa propiedade pasou por diferentes mans: a igrexa, a nobreza, o exército e distintos entes administrativos que, xunto cos poboadores, deixaron a súa pegada arqueolóxica: castros, mosteiros, muíños, hórreos, pazos, dornas, costumes e lendas que enriquecen as illas.