Sistemas de calidade

Carta Europea de Turismo Sostenible

A Carta Europea de Turismo Sostible (CET) é unha iniciativa da Federación EUROPARC, que ten como obxectivo global promover o desenvolvemento do turismo sostible nos espazos naturais protexidos de Europa. A CETS reflicte a vontade dos espazos protexidos, das partes interesadas locais e dos representantes do sector turístico, de promover o turismo de acordo cos principios do desenvolvemento sostible.

O "turismo sostible", é definido como "calquera forma de desenvolvemento, equipamento ou actividade turística que respecte e preserve a longo prazo os recursos naturais, culturais e sociais e que contribúa de xeito positivo e equitativo ao desenvolvemento económico e á plenitude dos individuos que viven, traballan ou realizan unha estanza nos espazos protexidos".

Os principios do turismo sostible nos espazos naturais protexidos da Carta Europea de Turismo Sostible, son os seguintes:

  • Implicar a todas as partes relacionadas co turismo no espazo protexido e nas zonas circundantes no desenvolvemento e na xestión do espazo protexido.
  • Elaborar e aplicar unha estratexia e un plan de acción de turismo sostible para o espazo protexido.
  • Protexer e mellorar o patrimonio natural e cultural da zona, tanto para o turismo coma mediante o turismo, e á vez protexela dun excesivo desenvolvemento turístico.
  • Ofrecer unha experiencia de alta calidade aos visitantes en todos os aspectos.
  • Proporcionar información axeitada aos visitantes acerca das cualidades especiais da zona.
  • Promover produtos turísticos específicos que permitan descubrir e comprender a zona.
  • Ampliar os coñecementos sobre o espazo protexido e os temas relacionados coa sostibilidade dos axentes relacionados co turismo.
  • Garantir que o turismo mellore, e non reduza, a calidade de vida da poboación local.
  • Aumentar os beneficios derivados do turismo en favor da economía local.
  • Controlar e facer un seguimento dos fluxos de visitantes para reducir os seus potenciais impactos negativos.

Amplía a información en EUROPARC e na web de SOY ECOTURISTA

Destino turístico Starlight

O Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia foi declarado Destino Turístico STARLIGHT no ano 2016 pola fundación Starlight, o que supón o recoñecemento da calidade dos seus ceos, o seu compromiso coa preservación das súas condicións de pouca luz e a existencia de iniciativas turísticas relacionadas coa contemplación do ceo como unha parte esencial da natureza.

A luz artificial é un dos mellores inventos da humanidade. Pero o mal uso da luz artificial pode provocar un efecto moi negativo, especialmente nos espazos naturais, onde unha gran cantidade de seres vivos son nocturnos e precisan da escuridade da noite.

Unha luz artificial recibida a destempo pode interferir no seu metabolismo, reprodución, desprazamentos, migracións, competición entre depredadores e presas…

A luz artificial cambia dramaticamente as regras do xogo da vida, dificulta a visión das estrelas e fainos perder un rico patrimonio cultural inmaterial asociado ao ceo estrelado.

Actualmente en Galicia, cada vez quedan menos zonas libres da invasión da luz artificial. O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia é unha desas zonas privilexiadas nas que o ceo permite gozar das estrelas e apreciar, incluso pola noite, a riqueza dos seus valores naturais.

O incremento da iluminación nas zonas costeiras pon en perigo esta inmensa riqueza cultural e natural. A luz que proven da costa incide directamente nas illas e altera a calidade das súas noites.

Unha luz excesiva, emitida en direccións equivocadas ou cunha tonalidade incorrecta é un perigo para a preservación das noite naturais, polo que é urxente actuar para conservar este patrimonio de todos, corrixindo a agresiva iluminación das nosas cidades e pobos, usando de xeito sostible a luz nas illas, modificando as malas instalacións, promovendo investigación científica sobre a contaminación lumínica, fomentando actividades educativas e de divulgación, e axudando a que miles de persoas descubran as marabillas dos seus ceos.

Descargue o folleto divulgativo das actividades turísticas Starlight aquí (enlace a folleto Starlight)

Para saber máis: Fundación Starlight