You can change the language at the top right corner. Puedes cambiar el idioma arriba a la derecha.
Se o prefires, podes descargar o folleto completo da ruta autoguiada en pdf AQUÍ.
O océano crea esta paisaxe de rocha na que só sobreviven os que se adaptan a el.
A rocha quebrada dos illotes As Freitosas e do resto dos cantís das illas constitúe o fogar de animais e plantas capaces de vivir nesta inhóspita paisaxe.
O nome de Freitosas é un nome posiblemente de orixe romana que fai referencia á rocha quebrada que forma os cantís e os illotes que podes ver fronte a ti (do verbo latino frangere, “romper”, os illotes recibirían o nome de fractosas, “rotas”, que evolucionaría ata o Freitosas actual – Cabeza Quiles, Aunios 12, 2007).
Toda a cara oeste das illas mira cara ao océano aberto. As ondas e os ventos cargados de sal van erosionando a costa, especialmente nas parte máis febles constituídas polas fracturas verticais moi comúns nas rochas graníticas destes cantís. Así vaise formando esta paisaxe de rochas batidas e fracturadas polo mar, onde atopan o seu fogar plantas coma a herba de namorar e animais coma o corvo mariño cristado.
Os animais e as plantas deben adaptarse para poder sobrevivir nestes acantilados onde é o océano o que establece as condicións para a vida. Observando a vexetación nos cantís, apréciase como se vai pegando cada vez máis ao chan conforme vai estando máis preto do mar, adoptando formas redondeadas que contribúen á súa resistencia fronte aos fortes ventos.
Entre a vexetación, fan o seu niño as gaivotas patiamarelas, a especie de ave mariña máis abundante no Parque Nacional. Nas partes máis verticais do cantil, agochados das miradas dos seres humanos, aniñan os corvos mariños cristados, excelentes mergulladores que atopan o seu alimento nestas ricas augas e que quizais poidas ver pousados nos rochedos baixos preto do mar ou voando a rentes da auga.