You can change the language at the top right corner. Puedes cambiar el idioma arriba a la derecha.
Se o prefires, podes descargar o folleto completo da ruta autoguiada en pdf AQUÍ.
As xestas de Ons son parte do universo que a poboación de Ons identificou nos seus topónimos.
Esta enseada na que estás ten o nome de Caniveliñas polas canas que medran aquí asociadas a un manancial. Á súa vez a punta que delimita pola dereita a parte máis estreita da mesma chámase Punta das Xestas pola abundancia destes arbustos.
As xestas que se atopan nos cantís de Ons forman a maior poboación dunha especie exclusiva das Illas Atlánticas e das costas cercanas, a Cytisus insularis, chamada comunmente xesta de Ons. Se miras ao teu redor poderás apreciar algún exemplar desta especie única que evolucionou posiblemente polos efectos da insularidade. Quizais por ser unha especie característica da súa paisaxe ou polos seus usos contra o mal de ollo, as xestas forman xa parte, a través dos topónimos, do patrimonio cultural desta illa.
Dende aquí podes volver xa ao punto de inicio da ruta, seguindo aínda os postes coa franxa verde ata chegar de novo ao Curro.
Agardamos que che gustase este itinerario e que che axudase a descubrir algún dos valores que agocha o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, tanto nas propias illas como nas augas que as rodean e na poboación que aínda vive nelas.
Convidámoste a coñecer un pouco máis o Parque Nacional a través dos itinerarios sinalizados que figuran nos folletos ou dunha das rutas guiadas. Pregunta nos puntos de información no Curro.