Que facer?

Itinerarios

Existe a posibilidade de poder anotarse previamente a algunha das rutas guiadas que o parque realiza na illa de Sálvora a través da central de reservas de Parques Nacionais sempre e cando estea aberta algunha das convocatorias.

Tamén poderemos atopar un itinerario autoguiado mediante paneis no camiño que nos levará dende o peirao ata o faro da illa (non aberto ao público). Este itinerario leva por titulo: “Un paseo de lenda por Sálvora” e recorre o camiño ata o faro mostrando a riqueza natural e cultural desta fermosa illa a través das súas lendas.

Lembre que por motivos de seguridade e conservación a visita a aldea de Sálvora só pode realizarse en compañía de guías autorizados/as polo Parque Nacional, xa sexa persoal propio do parque nacional ou das navieras autorizadas.

Pode descargar o mapa dos itinerarios sinalizados premendo no seguinte enlace

Pode descargar a descrición dos itinerarios sinalizados premendo no seguinte enlace

Outras actividades

Pódese realizar mergullo ou "snorkel" en calquera das zonas de baño. Aconséllase levar un neopreno sinxelo xa que as augas soen rondar os 15 graos no verán. Consultar nos puntos de información polo préstamo de guías de especies mariñas, contactos das empresas, información das mellores zonas...

No caso de empregar cinto de chumbos é preciso solicitar o permiso de mergullo con antelación.

Normalmente tamén existe a posibilidade de realizar actividades subacuáticas e saídas en piragua na illa coas empresas autorizadas polo Parque Nacional.

Como debemos preparar a visita?

A visita a Sálvora non deixa indiferente, xa que ao chegar a ela un ten a impresión de pisar terra deshabitada e natureza case virxe.

Tanto contratemos a visita cunha naviera e guía como a fagamos en barco privado, debemos saber que temos que levar con nós todo o preciso, xa que nesta illa non existen tendas nin servizos hostaleiros. Resulta imprescindible levar auga (non hai fontes de auga con tratamento sanitario) e algo de comida no caso de facer unha estancia de varias horas.

Teña en conta tamén que na illa apenas hai sombra pois a súa vexetación é baixa, polo que debe ir provisto de gorra e protección solar, e un parasol no caso de querer comer ou tumbarse na praia.

É recomendable consultar sobre a apertura dos baños públicos antes de realizar a visita.