Construcción na ruta a Alto do Príncipe

A ARQUITECTURA DAS ILLAS CÍES.

A arquitectura conservada nas Illas Cíes está representada por restos de construcións de variadas tipoloxías, vencelladas ás diversas actividades e ocupacións desenvolvidas ao longo da Historia neste territorio insular: conventos, fábricas de salgadura, faros, etc. Ás veces esquecida ao non ofrecer características de monumentalidade e/ou virtuosismo estético, a denominada “arquitectura popular” tamén está presente dun xeito bastante numeroso nas tres illas (nuns 16 enclaves), pero sobre todo na do Medio e na Norte.

Un primeiro grupo de construcións desa arquitectura popular está formado por estruturas moi sinxelas de pequeno tamaño, con muros levantados a seco que, ás veces, delimitan un único espazo arredor dun abrigo rochoso. A funcionalidade destas arquitecturas posiblemente estea vencellada a lugares de estabulación de animais, refuxios temporais e/ou alpendres para a ferramenta empregada no traballo agrícola centrado no cultivo de cereais como o millo.

Outro grupo estaría formado por edificacións máis complexas, situadas tanto na Illa Norte como na Illa Sur, localizadas de forma dispersa sen formar ningún núcleo homoxéneo. Empregan como materia prima principal a pedra de granito irregular, colocada a seco, e ás veces aproveitan construtivamente os afloramentos naturais que sobresaen no terreo. No interior pode haber pequenos fornos, lacenas e lareiras e os pisos serían de terra. Ao carón destas vivendas aparecen estruturas anexas como pequenos cortellos e hórreos. Estas vivendas estarían ocupadas por familias de colonos e/ou traballadores das dúas fábricas de salgadura emprazadas nas illas.

Finalmente, dentro da arquitectura popular das illas tamén hai que facer mención á existencia, na Illa do Sur, de dúas estruturas complexas definidas como un muíño de rodicio horizontal e unha posible ferrería.

 

O QUE VEMOS.

O edificio que se pode observar, de planta rectangular duns 10x4,5 m, organízase en dúas estancias (A – B) coas portas de acceso cara ao leste. Algúns dos muros, de ata 70 cm de grosor, aproveitan os afloramentos rochosos para asentarse, con presenza de rebaixes realizados nos mesmos para unha mellor colocación das pedras. A construción está realizada en cachotería irregular de pedras de granito colocadas a óso, que se reforzan nas esquinas coa colocación de pezas a soga e tizón. Nos alzados interiores hai pequenos ocos, a modo de lacenas, que puideron estar dedicados ao almacenamento de alimentos e/ou utensilios cotiáns.

VISOR 3D – ALTO DO PRÍNCIPE

Encostada á fachada leste hai unha pequena estancia (C) de planta irregular que puido ser usada como espazo de estabulación de animais (cortello) ou alpendre para gardar materias e ferramentas. Un segundo anexo (D), de moi pequeño tamaño e funcionalidade descoñecida (posible forno), atópase acaroado á fachada septentrional, entre os grandes afloramentos rochosos alí existentes. Se ben non hai datos sobre a configuración da cuberta, esta podería corresponder a un tellado a unha vetente construído con materiais vexetais.