3.000 ANOS DE OCUPACIÓN HUMANA NAS ILLAS CÍES.
Moito antes de que o polígrafo romano Plinio “O Vello”, no século I d.C., mencionara por vez primeira ás actuais Illas Cíes (Insulae Sicae), este espazo insular xa fora ocupado dun xeito máis ou menos continuo por grupos estables de poboación desde a Idade do Bronce final (século VII-VI a.C.), tal e como se puido constatar nas intervencións arqueolóxicas levadas a cabo no denominado Castro das Hortas (ou das Cíes), situado na Illa do Medio ou do Faro.
Aínda que estas evidencias arqueolóxicas, e as posteriores referencias documentais, demostran unha ocupación humana do arquipélago desde hai alomenos 3.000 anos, este proceso de habitación do espazo insular non foi continuo e os propios avatares da Historia foron condicionando tanto o número de habitantes como a propia natureza desa ocupación. Deste xeito, os relixiosos e monxas, as xentes do mar, militares, industriais e familias labregas son os grupos máis significativos nos que se poden encadrar a aqueles e aquelas que poboaron as illas ao longo dos últimos trinta séculos.
Rematada a tardoantigüidade e coa chegada da Idade Media a inestabilidade provocada pola presenza desde o século IX de diferentes invasores (normandos, vikingos e incluso unha pequena flota do Emirato de Córdoba), fará que as illas sufran períodos alternos de despoboamento ou ocupación, sobre todo de relixiosos e colonos vencellados aos mosteiros existentes nas tres illas: San Martiño na Illa Sur, San Estevo na Illa do Medio e, tal vez, San Paio na Illa do Norte.
Desde finais do século XVI e ata ben entrado o século XVIII prodúcese un novo despoboamento do territorio insular, coa excepción de momentos puntuais por parte das congregacións regulares, debido aos diversos conflictos bélicos entre a Coroa española e outras monarquías europeas, destacando a presenza da flota inglesa comandada por Francis Drake que en 1585 e 1589 empregará as Illas Cíes como base para os seus ataques ás vilas de Baiona e Vigo. Este período será o momento de “militarización” das illas, no que xurdirán diversos proxectos de fortificación das mesmas se ben ningún deles levarase a cabo, coa excepción da construción dun almacén de artillería (no antigo convento de San Estevo), un cuartel para os denominados Carabineros del Reino e un edificio para cárcere.
O remate dos conflitos bélicos, cara á metade do século XIX, facilitará un cambio nas características de ocupación das illas coa construción en 1851-52 do faro na Illa do Medio, a instalación de estruturas vencelladas á “industria” do mar, como dúas fábricas de salgadura (unha na Illa Sur), e o regreso de varias familias chegadas das zonas continentais máis próximas, sobre todo do Morrazo, ata acadar uns 45 habitantes de xeito máis ou menos permanente. Esta nova colonización propiciará a construción de edificacións para vivenda e estruturas anexas para as tarefas derivadas da actividade agrícola que se desenvolve nos terreos circundantes ás mesmas: valados, socalcos, hórreos, pequenas cortellos para animais…
O QUE VEMOS.
Estamos diante dun exemplo dun lugar de habitación conformado por dúas estruturas principais, unha vivenda (1) e un hórreo (2) vencellado á mesma, na que ambas foron realizadas a pedra seca.
A vivenda: ten unha estancia principal de planta rectangular (A) de 25 m² en cuxo interiro atópase un fogar, un posible forno e unhas lacenas de almacenamento abertas nos muros. Ao norte encóstase unha estancia de planta irregular duns 7,5 m². Na fachada oeste aparecen dous pequenos apéndices (C – D) que poderían estar dedicados á estabulación de animais. Os muros, dos que apenas se conservan un metro de altura, están construídos dun xeito tosco con cachotería de granito a óso, sen o emprego de morteiros. Descoñécese a configuración e características da cuberta planteándose a hipótese dun tellado a unha vertente elaborado con vigas de madeira e elementos vexetais.
O hórreo: amosa unhas dimensións en planta de 203x280 cm, construído con tres tramos, a modo de pés monolíticos, sobre os que se levantaron as paredes da cámara conformadas con bloques de gran tamaño dando lugar a unha altura aproximada duns 2 m desde a base ata o apoio de cuberta. A base resulta ser cerrada e cunha parte baixo terra a xeito de bodega (tipo celeiro). O remate das fachadas estaría realizado con dúas pezas monolíticas a modo de tímpano triangular sobre a que se apoiaría unha cuberta a dúas augas; o hastial da fachada principal, ao norte, posúe un arco rebaixado que remataría o van da porta.
A tipoloxía construtiva das arquitecturas é a específica das illas e respondería, en moitos casos, a procesos puntuais de ocupación ou á necesidade de dispoñer de espazos para habitación estacionais tal e como se desprende da documentación histórica existente. Esta característica fai complicado establecer paralelismos con outras áreas do continente nos territorios máis próximos. Descoñécese a cronoloxía concreta deste enclave se ben podería tratarse de construcións non anteriores ao século XIX.