Cumios antano unidos ás serras litorais e agora illados pola inundación da costa, compoñen unha cadea de illas que protexen as rías.
Nos arquipélagos exteriores, Cíes, Ons e Sálvora, o seu relevo caracterízase pola presenza de dúas vertentes diferenciadas. A occidental, enfrontada aos embates do mar aberto coa súa costa rochosa. A oriental, que mira ao ambiente máis amable das rías, o que permite a formación de areais e dunas nesta cara das illas. Os fortes ventos, cheos de salitre, o escaso desenvolvemento dos solos e a carencia relativa de precipitacións determinan as condicións naturais destas illas.
Cortegada, abrigada dentro da Ría e con ambiente menos salino, ten unha costa onde se van alternando os areais e as rochas. É unha illa de relevo plano e solos ben desenvolvidos que dan sustento aos bosques que a recobren.
A proximidade ao continente, a singularidade do relevo e o mar como permanente fondo escénico configuran as paisaxes únicas deste Parque.
Consulta máis información sobre o medio físico do Parque Nacional facendo clic aquí.