A extraordinaria riqueza mariña das illas explícase polo ascenso das augas profundas ricas en nutrientes, que serven de sustento a pequenos microorganismos, base da cadea alimentaria. A circulación das correntes mariñas e estuáricas, a variedade de substratos e o relevo dos fondos dotan ao medio mariño de distintos escenarios ecolóxicos que determinan a gran diversidade de flora e fauna mariña. Este é o gran tesouro escondido do Parque.
Nas zonas rochosas máis batidas polo mar habitan organismos que desenvolveron mecanismos para fixarse nas rochas: percebes, lapas, mexillón, arneiróns, etc. Dende a franxa mareal, e a medida que aumenta a profundidade, aparecen refuxiadas entre as fendas anémonas, ourizos, caramuxos, cangrexos, lorchos ou polbos.
Os fondos de area, ao carecer de substrato fixo, condicionan a algúns organismos a vivir soterrados. Este é o caso das navallas, berberechos ou ameixas, mentres que outros se mimetizan coa superficie como o rodaballo, o choco ou o cangrexo ermitán.
Outros fondos móbiles son os formados por algas calcarias (chamados de maërl), e os fondos de cascallo formados por restos de cunchas, onde atopamos comunidades semellantes ás dos fondos de area.
A luz e as ondas condicionan a distribución da flora mariña, ademais da profundidade e as características do substrato. Na cara oeste das illas exteriores abundan as grandes algas pardas como os golfos (Laminaria e Saccorhiza) que forman auténticos bosques submarinos.
Consulta máis información facendo clic aquí.