Os distintos ambientes naturais das illas crean unha variada vexetación.
Os areais e dunas, medios de grande aridez, obrigan ás plantas a ter adaptacións especiais: cores claras que reflictan o calor, raíces moi profundas que cheguen aos depósitos de auga, bulbos onde gardar a auga da chuvia, etc. Son plantas de distribución moi restrinxida e de protección obrigada. O feo de praia, a cebola das gaivotas, o alelí das praias, son especies representativas destes medios. A camariña, a Armeria pungens e a Linaria arenaria atopan nas dunas das illas un dos seus últimos refuxios.
Os cantís, zonas de escaso substrato enfrontadas a fortes ventos cargados de salitre, soamente permiten a supervivencia de plantas moi adaptadas, coma o pirixel de mar, a herba de namorar ou a macela mariña. Destaca Angelica pachycarpa como planta exclusiva do noroeste peninsular, asociada aos cantís frecuentados por colonias de gaivotas.
As matogueiras, dominadas polo toxo e o abruñeiro, teñen un carácter submediterráneo con especies coma o trobisco e a carpaza moura. Como especie propia destas matogueiras destaca Cytisus insularis, unha nova especie de xesta atopada na illa de Ons.
Nas illas Cíes, Ons e Sálvora, naquelas zonas máis protexidas do vento oceánico, encontramos pequenos bosques de árbores autóctonas, principalmente cerquiño. En Cortegada, pola súa situación más abrigada no interior da ría de Arousa, os seus bosques esténdense por case toda a illa e teñen maior diversidade de árbores: loureiros, salgueiros, carballos, cerquiños, ameneiros...
No s XX nas illas plantáronse eucaliptos, piñeiros e acacias, sobre os que agora se traballa para a súa eliminación e así recuperar os ecosistemas naturais propios.
Consulta máis información facendo clic aquí.