As gaivotas patiamarelas son unha especie emblemática do Parque Nacional das Illas Atlánticas. As illas albergan unha das colonias de cría máis importantes desta especie, e estas aves xogan, ademais, un papel fundamental nos ecosistemas do parque.
Desde hai uns 20 anos, a súa poboación nas Rías Baixas, e en Galicia en xeral, vén rexistrando un descenso importante, que tamén se nota moito no noso parque. As causas non son de todo coñecidas, e están a ser investigadas na actualidade. A realidade é que a situación é preocupante, aínda que pasa bastante desapercibida.
Tamén nos preocupan certos prexuízos que circulan sobre esta especie. As gaivotas patiamarelas viven maioritariamente no medio natural, alimentándose de recursos que o mar e a costa lles proporcionan. Pero nas cidades, onde sen querer poñemos á súa disposición alimento fácil, ás veces son vistas con desagrado. Cremos que esa percepción negativa nace sobre todo da falta de coñecemento e de experiencias puntuais no medio urbano.
As gaivotas deben ser protexidas, conservadas e, sobre todo, mellor comprendidas. Cando veñades ao parque, tede iso en conta: estaredes nas illas das gaivotas!
Por iso, queremos lanzar un desafío fotográfico: Como vedes vós ás gaivotas? Como credes que podemos coñecelas e convivir mellor?
